Sunday 12 de May de 2024

Riveira, sede da estrea en Galicia da XI Bienal de Pintura do Eixo Atlántico


O acto terá lugar mañá no Centro Cultural Lustres Rivas

O concello de Riveira foi o municipio elixido polo Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular para a estrea en Galicia da undécima edición da Bienal de Pintura do Exito Atlántico 2015-2016.

O apertura desta mostra terá lugar mañá xoves ás 20.30 horas no Centro Cultural Lustres Rivas nun acto inaugural que estará presidido polo alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas e contará coa participación do secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e da presidenta do xurado, Pilar Corredoira, ademais da concelleira de Cultura Fabiola García.

Esta edición recolle unha colección formada por 30 cadros de artistas galegos e portugueses seleccionados de entre máis de cen obras presentadas.

Gañador barbanzano
Este ano o gañador foi un barbanzano: Olmo Blanco Fuentes, residente en Boiro. A nosa comarca tamén está representada por outros artistas como o alemán Ralf Glasz, vinculado a Riveira, e a rianxeira Lara Torres Rodríguez. Tanto Olmo Blanco como Ralf Glasz confirmaron a súa presenza no evento, ao igual que Raquel Martínez Ortiz, merecedora dun segundo premio como autora galega.

Os premiados desta edición foron:

• Primeiro Premio. Mellor obra do certamen Sen título de Olmo Blanco Fuentes.
• Segundo Premio ao autor portugués, The first date de Rui Sousa.
• Segundo Premio ao autor galego: No tengo nada de Raquel Martínez Ortiz.
• Premio Novos Talentos Luso-galaicos á obra Lady by the sea de Diogo Costa.

Esta vai ser a primeira vez que a mostra se vexa en Galicia despois da súa estrea en Portugal. A continuación da súa exhibición en Riveira xirará por outras cidades galegas e lusas.

Catálogo
Os asistentes á inauguración recibirán un catálogo con todas as obras seleccionadas.

A Bienal de Pintura do Eixo Atlántico é a primeira mostra de pintura transfronteriza de Europa, cuxo obxectivo é o impulso á creatividade dos artistas e á creación do valor engadido no patrimonio artístico da eurorrexión.

Trátase dun acontecemento artístico na procura de promocionar aos artistas da eurorrexión e que se consolida como unha das tres mellores exposicións itinerantes de pintura da Península Ibérica.

Celébrase coa colaboración do Eixo Atlántico, da Fundaçao da Juventude, da Xunta de Galicia, da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e do Instituto Portugués do Desporto e a Juventude.